No Parque Municipal conxúganse harmoniosamente descanso, tranquilidade, salubridade e beleza natural. Bordeando a marxe esquerda do río Arenteiro, as súas 32 hectáreas de arboredo, prazas, avenidas e camiños esténdense, ao longo, dende o Gran Balneario á Piscifactoría, e ao ancho, dende o río á zona residencial. As súas orixes remóntanse ao ano 1928, cando o Concello decide municipalizar o que ata entón era monte comunal da veciña parroquia de Mesego para transformalo en zona de recreo.
