A PRIMEIRA EDICIÓN DE HOLI PULPO CONGREGOU A MÁIS DE MIL DUASCENTAS PERSOAS ENTRE A PRAZA MAIOR E O PARQUE MUNICIPAL

A primeira edición de Holi Pulpo foi todo un éxito. Máis de 1.200 persoas de todas as idades participaron nesta festa de pintura de cores en polvo e música, que se desenvolveu esta tarde entre a Praza Maior e o Parque Municipal, onde proseguiu o festival na pista do kiosko do parque con actuacións de DJs e pintura holi, elaborada con fariña de arroz. A pintura é totalmente ecolóxica, sen que supoña ningún daño para o medio ambiente.

Un dos promotores do evento, Uriel Bernárdez, amósase totalmente satisfeito desta iniciativa, así como o concello, que tamén colabora por considerar que este tipo de festivais atrae á mocidade e dinamiza o ambiente da vila.

O numeroso público que presenciou o comezo da andaina sobre as cinco e media da tarde dende a Praza Maior ao Parque, pasando pola rotonda da Praza do Emigrante e a avenida Xullo R. Soto, dende as terrazas das cafeterías e polas rúas, contemplou o espectáculo de cores absolutamente sorprendido pero tamén maravillado.

A propia organización do evento encargarase de recoller todo o lixo que se xenere na pista do kiosko do parque, para que mañá estea totalmente limpa para unha nova sesión do baile para maiores. Asemade, esta noite quedarán totalmente limpas as rúas e prazas da vila polas que pasaron os participantes nesta festa que, a tenor do poder de convocatoria e do resultado, pode converterse xa nunha das actividades máis orixinais da programación da LV Festa do Pulpo.

(Adxuntamos fotografías por xentileza de Chus Otero e Xhristian Pérez)