Carballiño volveu a converterse, un ano máis, na capital mundial do polbo. Ata alí desprazáronse miles de persoas nun caloroso domingo para gozar dunha das principais citas do calendario de festas gastronómicas de Galicia.
Como cada segundo domingo do mes de agosto, o parque municipal do Carballiño acolleu a Festa do Polbo, celebración de Interese Turístico Nacional.

Unha festa na que tamén participou o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen puxo esta celebración como “exemplo” da “Galicia acolledora e aberta”.

“A nosa identidade fíxose sumando”, declarou, segundo recolle un comunicado, o xefe do Executivo autonómico, quen lembrou que Galicia é froito da “suma de culturas ancestrais, como as que repousan no castro de San Cibrao de Las”.

A continuación, chamou a seguir apostando “por unha Galicia tolerante e anfitrioa, que converta ao visitante nun galego máis”.

A Festa do Polbo do Carballiño cumpre 55 anos en 2017 e está considerada como unha das principais festas gastronómicas de toda España.