O concello do Carballiño acolleu este mércores a xunta de seguridade para a Festa do Polbo, que se celebrará o próximo 10 de agosto no Parque Municipal da vila do Arenteiro. Esta xunta estivo presidida polo subdelegado do goberno e o alcalde do Carballiño, acompañados dos representantes da Garda Civil, Policía Local e Autonómica, 061, Protección Civil, Grumir, e Cruz Vermella.

En total será preto de 90 persoas as que traballasen ese día para velar pola seguridade dos asistentes á festa, calculándose que serán, como mínimo, 70.000 as persoas que asistirán a esta edición.

O mando único deste operativo de seguridade recaerá na figura do alcalde. Os recursos humanos e técnicos para este operativo será o seguinte: 25 garda civís dotados con vehículos e medios precisos para o seu labor, así como 4 gardas civís de tráfico. A policía autonómica participará tamén con axentes e vehículos necesarios para este operativo.

Pola súa banda a policía local achega 15 axentes, así como 5 vehículos policiais. En tarefas de regulación do tráfico e seguridade tamén actuarán 10 voluntarios de Protección Civil, xunto cun técnico, un supervisor, 12 grumires voluntarios, con tres vehículos todo terreo.
Tamén se contará con 5 grumires voluntarios para tarefas de extinción de incendios e salvamento, que contarán cun camión autobomba lixeiro, así como outro pesado e un rural, e un vehículo de altura. Outros 4 grumires voluntarios encargaranse do salvamento e socorrismo acuático, con dúas embarcacións pneumáticas, chalecos.
No que se refire ao apartado sanitario, contarase cun médico especialista en medicina de urxencia, 4 grumires voluntarios, 15 voluntarios de Cruz Vermella, dispoñendo para desenvolver os seus labores cun posto médico avanzado, tres ambulancias asistenciais, equipadas con todo o material preciso para as súas funcións. Habilitarase tamén unha zona no mesmo parque municipal para a aterraxe de helicópteros, no caso de que fosen necesarios.
A todo este operativo hai que engadir os 15 traballadores municipais dos departamentos de obras, electricidade e medio ambiente.