As XOCIVIGA farán o xusto recoñecemento á labor do cine Club “Carballiño” que ininterrompidamente ven desenvolvendo desde 1969, ano da súa creación, sobre todo, como responsable da creación das propias XOCIVIGA e como organizador da maior parte das 31 edicións celebradas nestes 30 anos de existencia.

A xornada dedicada a este homenaxe contará coa presenza de profesionais do audiovisual de Galicia e Portugal e na que será exhibida unha das películas mais sobresaíntes proxectadas naquela primeira edición, ano 1984, o fime de Lauro Antonio “Manhá Submersa”, que causara unha sorprendente sensación e o descubrimento do descoñecido cine portugués.

Lauro Antonio, un clásico da cinematografía lusitana, estará presente para facer a presentación do film e disertar sobre a súa percepción da experiencia de XOCIVIGA e a súa influencia nas relacións e coproducións Galicia-Portugal no eido audiovisual.

SESIÓNS ESPECIAIS CON PROXECIÓNS AO AIRE LIBRE NO RURAL DAS TRES PRIMEIRAS LONGAMETRAXES DO CINE GALEGO COMMEMORANDO OS 25 ANOS DA SÚA ESTREA.

No ano 1989 estreábanse no cine Fraga de Vigo as tres primeiras películas galegas: “Sempre Xonxa” de Chano Piñeiro, “Urxa” de Alfredo G. Pinal e Carlos Piñeiro e “Continental” de Xavier Villaverde.

Por tal efemérides e, ademais, coa intención de promover a extensión das actividades das XOCIVIGA e aproximación da cultura cinematográfica ao medio rural, organízanse unha serie de proxeccións ao aire libre en diferentes parroquias que darán comezo na segunda quincena deste mes de xullo coa que vai ter lugar na parroquia de Santa Uxía de Lobás.