Preto de 80.000 persoas gozaron do mellor polbo a feira, preparado polas expertas mans dos pulpeiros e pulpeiras de Arcos, na celebración da 53 edición da Festa do Pulpo. Dende primeira hora o parque municipal acollía as riadas de xentes que, ben nos restaurantes e bares, ou simplemente cunha toalla no chan, se dispoñía a gozar da que esta considerada como mellor romaxe gastronómica de Galica.
Máis de 30.000 quilos de polbo foron cocidos, picados e condimentados, no mesmo parque municipal, polas 24 pulpeiras instaladas no parque, sen contar os 1000 quilos que se serviron no recinto oficial ás 1.500 persoas que escolleron esta opción.
A xornada discorreu coa normalidade esperada cando unha vila de 14.000 habitantes aumenta a súa poboación ata preto dos 80.000. As infraestructras da festa, así como os servizos de vixilancia e emerxencias, funcionaron á perfección durante toda a jornda, que se alongou ata pasadas as 20:00 horas, grazas á bonanza meteorolóxica que acompañou durante todo o día.
Xentes de toda Galicia, provincias limitrofes como Zamora ou Asturias, do norte de Portugal, sumáronse aos que acudiron dende lugares tan dispares como Zaragoza, Madrid, Jaen ou Málaga, e mesmo unha parella de xaponeses que gozaron do polbo dunha forma diferente á que adoitan tomar no seu país.
A festa tamén tivo a súa parte oficial, coa presenza da corporaciòn carballiñesa, os edís do concello da Coruña, cidade á que se dedicaba esta edición, así como o representante territorial da Xunta, deputados provinciais e a máxima responsable do turismo da Xunta de Galicia, Lameira Castro, que formaron a comitiva oficial desta 53 edición.