“Pola súa innovación á tradición do polbo no Carballiño”, así reza a placa encastrada nunha figura dunha pulpiera coa que o concello do Carballiño homenaxeou á empresa Frigoríficos Arcos, seguindo así a celebración de homenaxes a todos os que achegaron novos valores á Festa do Polbo e ao Carballiño en xeral. Os dúas primeiras homenaxes foron a Confeitería Cerviño, que cumpría 50 anos no Carballiño nas mesmas datas que cumpría os mesmo anos a Festa, e o segundo a “O Bastoncito” primeiro operario municipal que se encargou de manter o Parque Municipal, onde se celebra a Festa do Polbo desde hai 52 anos.
Este ano os organizadores da festa quixeron render homenaxe a unha empresa pulpeira, das máis antigas do Carballiño, e que ao mesmo tempo está a achegar innovación na arte da cocción do polbo coa súa marca A Pulpeira. Como explicaba un dos seus propietarios, Daniel Atanes, “conseguimos crear o polbo cocido, envasado ao baleiro, e con todo o seu sabor, mesmo potenciado xa que se conserva no seu propio mollo da coción”. Contaba Atanes que mesmo cociñeiros de renome como Berasategui xa se interesaron por este produto.
Pola súa banda o alcalde do Carballiño lembraba que os homenaxeados son “unha familia dedicada ao polbo desde fai 4 xeracións, e que innovaron para difundir aínda máis este produto, desde O Carballiño, co que se engrandece máis ao levar a marca da vila capital mundial do Polbo”.