O mercado da Praza de Lugo, na Coruña, acolleu este mércores a presentación da Festa do Polbo do Carballiño, dedicada nesta 53 edición á cidade herculina. O alcalde coruñés Xulio Ferreiro recibía á comitiva carballiñesa, agradecendo o xesto da dedicación dunha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia. Ferreiro lembraba a unión que existe entre A Coruña e O Carballiño, cimentada nos veciños dunha e outra poboación, lembraba durante a presentación como el mesmo coñeceu O Carballiño cando rea pequeno, acompañando aos seus pais e avós a tomar as augas da vila do Arenteiro.

Pola súa banda o alcalde carballiñés mostraba o seu agradecemento á corporación coruñesa alí representada polo seu alcalde e o edil de Turismo Alberto Lema, por acoller esta presentación, nun lugar tan emblemático como a praza de Lugo, onde se atopa a Praza de Abastos “e que mellor lugar que un mercado para presentar esta festa, un lugar onde, como na orixe do Carballiño, reúnen os veciños e veciñas para o comercio”, a estes veciños e veciñas da Coruña convidou Francisco Fumega a que acudisen á Festa do Polbo, o segundo domingo de agosto, onde “serán recibidos como sempre, cos brazos abertos e dispostos a compartir unha ración de polbo a feira”.

Tras os discursos chegou o momento de probar o produto estrela, o polbo a feira, que nesta ocasión foi cocido polo campión galego, o carballiñés Francisco Gómez. Todos os presentes encomiaron o sabor do polbo de Ou Carballliño, e aseguraron que non se perderán esta edición da festa.

Entre os numerosos veciños da Coruña que acudiron á cita da Festa do Polbo atopábanse tamén veciños e veciñas do Carballiño, que residen na Coruña, e que tampouco quixeron perderse o saborear unha tallada carballiñesa na cidade herculina, entre estes veciños do Carballiño atopábase, como non podía ser doutra forma Felipe Senén, carballiñés de prol e creador de numerosos carteis da Festa do Polbo durante varias décadas. Carteis que adornaban a citada praza de abastos coruñesa..

A representación Carballiñesa estivo formada nesta presentación polo xa mencionado alcalde da vila, acompañado do edil de Turismo Manolo Dacal, a edil de Benestar Mariña Ortega, e os edís da oposición Argmiro Marnotes, Pilar Caride e Chema Ferreiro.