A asociación de pulpeiros e pulpeiras de Arcos, representada pola súa presidenta Isaura, xunto co alcalde do Carballiño e a edil de Turismo, presentaron unha nova edición da elaboración do prato de polbo a feira máis grande do mundo, que este ano, superando o do pasado ano, medirá 5,10 metros de diámetro. Este acto será o vindeiro martes, 5 de agosto, a partir das 20:00 horas na praza maior, aínda que desde a mañá dese mesmo martes xa estará exposto o prato xigante na mesma praza carballiñesa.
O propio alcalde sinalaba que esta elaboración é un das actividades máis esperadas cada ano ao chegar a semana do Polbo, “e ademais é un escaparate onde se mostra ao mundo enteiro o bo facer e a pericia e calidade das pulpeiras e pulpeiros de Arcos”. A presidenta deste colectivo destacaba que “imos facer a tapa de polbo a feira máis grande, xa que se vai a elaborar como ten que ser, vai ser picada por pulpeiras e pulpeiras profesionais e, o máis importante, nun tempo record, que é o que máis impresiona aos que asisten a este acto”.
O pasado ano picouse e encheu o prato, con 300 quilos de polbo, nuns 12 minutos. Este ano colocarase un cronometro na mesma praza maior, para calcular o tempo que tardan en encher o novo prato de 5,10 metros, con máis de 400 quilos de polbo.
Ao finalizar a elaboración e picado da tapa, repartirase entre os asistentes, estando previsto que se repartan unhas 1200 racións. Ademais tamén se lles entregará un doce de chocolate, doado pola pastelería Royal, pan de Cea e un vaso de viño da adega Pazo Tizón. Todo iso por un importe de 4 euros.